O cooperativismo é un fenómeno relativamente moderno, tanto dende o punto de vista doctrinal e ideolóxico como dende a perspectiva práctica. A súa orixe podemo-la situar na primeira metade do século XIX, no marco socioeconómico da Revolución Industrial, aínda que moito antes xa podemos atopar exemplos de espírito asociativo, seguindo algúns dos principios da cooperación moderna, o que nos permite considera-lo traballo asociado como unha das formas máis antigas de asociación no traballo.

O cooperativismo englóbase na chamada Economía Social xa que os seús fins son tanto económicos - ser rentable e mellora-las conicións socioeconómicas dos seus socios - como sociais - fomenta-la igualdade de sexo, raza ou creenza, promove-la formación dos seus socios, intercooperar co entorno -. As cooperativas son a expresión da democratización da economía, nelas esíxese a participación e o protagonismo das persoas, das súas opinións e decisións nunha situación de igualdade e respecto mutuo.

O movemento cooperativo está presente na práctica totalidade dos países e nos distintos sectores económicos, en tódolos casos o funcionamiento das cooperativas baséase nunhas pautas de actuación comúns que a Alianza Coopertaiva Internacional, máximo organismo de representación do cooperativismo, establece, son os chamados Principios Cooperativos:

- Adhesión voluntaria e aberta: liberdade de pertenza á cooperativa.

- Xestión democrática por parte dos socios, en base ó principio dunha persoa, un voto.

- Participación económica dos socios: aportando capital social e participando nos resultados económicos en función da actividade cooperativizada desenvolvida.

- Autonomía e independencia da cooperativa: o control corresponde ós socios.

- Educación, formación o información permanente para o desenvolvemento integral dos socios e as súas cooperativas.

- Cooperación entre cooperativas, como principio estratéxico e solidario a través da colaboración dunhas cooperativas con outras.

- Interese pola comunidade para acadar un desenvolvemento sostido do seu entorno.

"A cooperativa é unha sociedades de capital variable que, con estructura e xestión democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio da actividades socioeconómicas, para prestar servicios e para satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios, e en interese pola comunidade, mediante a participación activa deles, distribuíndoos resultados en función da actividade cooperativizada." (Lei 5/98 de Cooperativas de Galicia).

Calquera actividade económica pódese desenvolver e organizar mediante unha sociedade cooperativa que se identificará incluíndo na súa denominación "S. Coop. Galega".

Para promover, coordinar e desenvolver fins económicos comúns e reforzar-la súa actividade económica, dúas ou máis coopertivas poden constituir cooperativas de segundo grao.

Así mesmo, para a defensa e promoción dos seus intereses, as cooperativas poden asociarse libre e voluntariamente en Unións, Federacións e Confederacións. Todas elas, xunto co Consello Galego de Cooperativas, integran o movemento cooperativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

COOPERATIVAS DE TRABALLO ASOCIADO

As cooperativas de traballo asociado están formadas por persoas con capacidade legal e física para desenvolver unha actividade. Teñen por obxecto proporcionar postos de traballo ós seus socios para producir en común bens e servicios para vender a terceiros.

Trátanse dunha libre asociación de traballadores que queren xerar riqueza socialmente útil, mediante unha xestión democrática, que reparten excedentes en función da valoración do traballo aportado, e non do capital, e practican a formación permanente nun marco de solidaridade.

A diferencia dos demais tipos de cooperativas que teñen que estar formadas por catro socios, as coooperativas de traballo asociado poden constituirse e funcionar con tres socios. 

COMPOSICIÓN DA COOPERATIVA

Tres ou máis persoas poden constituir unha Cooperativa de Traballo Asociado. Para formar parte dunha cooperativa é necesario cumprir uns requisitos legais e estatutarios ademáis de suscribi-la achega obrigatoria mínima que establezan os Estatutos.

Os socios poden ser:
- Socios traballadores - a súa condición na cooperativa é a de socios xestores da mesma ó tempo que realizan o traballo necesario para desenvolve-la actividade da cooperativa.

A cambio do seu traballo teñen dereito a percibir mensualmente un anticipo laboral a conta do resultado final do exercicio.
A incorporación á cooperativa en condición de socio traballador debe solicitarse por escrito ó Consello Rector e os estatutos da cooperativa poden establecer un período de proba non superior a seis meses.

- Socios colaboradores - os estatutos poden prever e regula-la súa existencia, podendo ser persoas físicas ou xurídicas, que sen poderen realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poden colaborar na súa consecución. O seu número non excederá dun tercio dos socios da cooperativa.

A cooperativa pode contratar traballadores por conta allea para a prestación de traballo, non podendo exceder do 30% do total de socios. Os estatutos da cooperativa fixarán o procedemento polo que poden acceder á condición de socio.

DEREITOS E OBRIGAS DOS SOCIOS

Os socios están obrigados a cumprir-los deberes que a Lei de Cooperativas de Galicia e os seus estatutos establezan. Son fundamentais os seguintes:

- Participar na actividade empresarial que desenvolva a cooperativa.
- Participar nas actividades de formación.
- Desembolsa-las achegas ó capital social.
- Asistir ás reunións da asemblea e dos órganos sociais dos que formen parte.
- Acepta-los cargos para os que fosen elixidos.
- Cumpri-los acordos que válidamente adopten os órganos sociais.
- Gardar segredo sobre aqueles asuntos e datos dos que a súa divulgación poida perxudicar á cooperativa.

Os socios teñen dereito a :

- Participar na actividade empresarial e societaria.
- Elixir e ser elixible para os cargos dos órganos sociais da cooperativa.
- Formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos dos órganos sociais.
- Recibi-la información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
- Percibir, no prazo non superior a un mes, un anticipo laboral.
- Vacacións, descanso semanal, festas, permisos ou excedencias, segundo o previsto na lei e nos estatutos.
- Disfrutar dos beneficios da Seguridade Social, segundo o réxime elixido.
- Á actualización e devolución das achegas ó capital social, coa correspondente deducción, se procede, cando causen baixa na cooperativa.
- Recibir retorno cooperativo, se é o caso.

ORGANIZACIÓN INTERNA

A empresa cooperativa ten unha vertente social e outra empresarial, na primeira atopamo-la Asemblea Xeral e o Consello Rector, na segunda, o organigrama empresarial similar ó de calquera outra empresa.

A Asemblea Xeral está composta por tódolos socios da cooperativa e é a máxima expresión da súa vontade social, nela, cada socio é un voto. Os acordos adóptanse, agas nos supostos regulados pola lei, por máis da metade dos votos válidamente expresados.

O seu obxecto é deliberar sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordo sobre os asuntos da súa competencia:

- Aprobación do plan empresarial da cooperativa.
- Nomeamento e revocación das persoas que teñan cargos na cooperativa, así como o exercicio da acción de responsabilidade contra elas.
- Exame da xestión social, aprobación das contas anuais e distribución de excedentes ou imputación de perdas.
- Establecemento de novas achegas, emisión de obrigas ou outro tipo de participacións e establecemento ou modificación de cotas de ingreso.
- Modificación dos estatutos e aprobación e modificación do regulamento de réxime interno.
- Creación de seccións e constitución de cooperativas de segundo grao.
- Fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da cooperativa, así como a súa cesión ou alleamento total ou parcial.

A Asemblea Xeral é Ordinaria cando o seu fin sexa o exame da xestión social, a aprobación do plan empresarial e as contas anuais e resolver sobre a distribución dos excedentes e a imputación das perdas. A súa convocatoria terá lugar nos seis primeiros meses do ano. Tódalas demais Asembleas teñen o carácter de Extraordinarias.

O Consello Rector é o órgano de goberno, xestión e representación da sociedade cooperativa, con suxeición á lei, os estatutos da cooperativa e a política xeral fixada pola Asemblea Xeral. Nas cooperativas con menos de dez socios, os estatutos poden establece-la existencia dun Administrador único.

O número de membros do Consello Rector non pode ser inferior a tres (presidente, vicepresidente e secretario), agás nas cooperativas con menos de catro socios, nas que poden ser dous, desaparecendo a figura do vicepresidente. Os conselleiros son elixidos por un período de entre dous e seis anos. Se o prevén os estatutos, ata un 25% dos membros do Consello Rector poden ser persoas non socias, agás o presidente e o vicepresidente.

Os Interventores forman o órgano de fiscalización da cooperativa, a súa función principal é a censura das contas anuais e a emisión dun informe propoñendo a súa aprobación ou sinalando as observacións que estimen oportunas.

O número de interventores establécese estatutariamente e cando exista máis dun, a asemblea pode nomear, por maioría de dous tercios, a unha persoa non socia.

Outros órganos sociais: se o preven os estatutos, a asemblea pode elixir a tres ou máis socios para forma-lo Comité de Recursos encargado de resolve-los recursos contra as sancións impostas ós socios polo Consello Rector e os demáis recursos en que así o prevexa a lei e os estatutos. En ausencia deste órgano, a asemblea asume as súas funcións.

As cooperativas obrigadas a realizar auditoría externa de contas deben nomear un Letrado Asesor para exercicios sucesivos mentras permaneza a obriga de auditarse. Non pode ser socio da cooperativa e a súa función e dictaminar se son conformes a dereito os acordos adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

RÉXIME ECONÓMICO

Para formar unha cooperativa os socios teñen que aporta-los recursos necesarios para desenvolve-la súa actividade, ben persoalmente ou recorrendo a fontes externas (préstamos e créditos de entidades financieras, subvencións, etc.).

CAPITAL SOCIAL

Os primeros recursos con que conta unha cooperativa son as aportacións dos socios, estas achegas constituen o capital social. Ningún socio pode ter máis dun tercio do mesmo.

Os principios de libre adhesión e baixa voluntaria fan da cooperativa unha sociedade de capital variable, aínda que éste nunca pode ser inferior ás 500.000 pesetas establecidas legalmente como capital social mínimo, que debe estar totalmente desembolsado dende a súa constitución.

Achegas Abrigatorias - son fixadas nos estatutos e imprescindibles para adquiri-la condición de socio; no momento da súa subscrición debe desembolsarse polo menos o 25%. A Asemblea Xeral pode acorda-la asixencia de novas achegas obrigatorias dos novos socios e as condicións e prazos para o seu desembolso.

Achegas voluntarias - a Asemblea Xeral pode acorda-la súa existencia, debendose desembolsar íntegramente no momento da súa subscrición, ó tempo que fixa as súas condicións e retribución.

Os socios teñen dereito ó reembolso das súa achega cando causen baixa na cooperativa. A liquidación farase según o balance de pechamento do exercicio no que se produza a baixa, computándose, para o seu desconto, as perdas reflectidas nel. O Consello Rector pode aplicar deducción ás achegas obrigatorias cando a baixa non sexa xustificada ou en caso de expulsión, non podendo ser superiores ó 20 e ó 30%, respectivamente.

O prazo de reembolso non pode exceder de cinco anos, a partir de data de baixa, agás en caso de falecemento do socio que se reduce a un ano. As cantidades pendentes de reembolso darán dereito a percibi-lo xuro legal do dinero, incrementado a partir do segundo ano en dous puntos cada ano, acumulativamente.

OUTRAS FONTES DE FINANZAMENTO

Os estatutos ou a asemblea poden establecer cotas de ingreso e/ou periódicas que non forman parte do capital social nin son reintegrables. As cotas de ingreso non poden supera-lo 50% da achega obrigatoria mínima ó capital social en cada momento.

Por acordo da asemblea, a cooperativa pode emitir obrigas, títulos participativos, contratar contas en participacións e admitir finanzamento voluntario dos socios e de terceiros baixo calquera modalidade xurídica.

FONDOS SOCIAIS OBRIGATORIOS

As cooperativas están obrigadas, por lei, á dotación de dous fondos, ós que se destina unha cuantía global mínima do 30% dos excedentes netos.

Fondo de Reserva Obrigatotio - destinado á consolidación, desenvolvemento e garantía da cooperativa, é irrepartible entre os socios. A este fondo destínase necesariamente:

- Un 20% dos excedentes netos anuais.
- As deduccións ó capital social en caso de expulsión ou baixa non xustificada.
- As cotas de ingreso.
- Os beneficios obtidos das operacións cooperativizadas realizadas con terceiros non socios, nun 50% como mínimo.

Fondo de Formación e Promoción Cooperativa - ten condición de inembargable e debe materializarse dentro do exercicio económico seguinte a aquel no que se efectúa a dotación.
Trascorridos cinco anos sen facer uso del, será trasferido ó Consello Galego de Cooperativas. Ésta destinado a atender algunhas das seguintes accións:

- Formación cooperativa e profesional dos socios e traballadores.
- Formación en dirección e xestión de empresa do Consello Rector e Interventores.
- Promoción das relacións intercooperativas e creación de entidades representativas.
- Promoción e difusión do cooperativismo no entorno social e na sociedade en xeral.

A este fondo destínase obrigatoriamente:

- Un 5% dos excedentes netos anuais.
- As sancións económicas que se lles impoñen ós socios.

RÉXIME FISCAL

O tratamiento fiscal das cooperativas baséase en dous principios: o fomento do cooperativismo e o respecto ós seus principios.

As Cooperativas de Traballo Asociado considéranse especialmente protexidas, cando cumpren os seguintes requisitos:

- Asociar a persoas físicas que prestan o seu traballo persoal na cooperativa.
- Dotar correctamente os fondos sociais obrigatorios.
- Respecta-la porcentaxe de persoal contratado permitido legalmente.
- Non reduci-lo capital social mínimo por debaixo do obrigado legalmente.
- Non ter un número de socios menor ó establecido legalmente.
- Non paraliza-la actividade cooperativizada ou ter sen actividade os órganos sociais durante dous anos, sen causa xustificada.
- Respecta-la lexislación vixente no referente ás achegas ó capital social, regularización do balance, aplicación de xuros, distribución do retorno e imputación de perdas.
- Que a retribución total dos socios (anticipo máis retorno) non supere máis do 200% o que sería a retribución normal no mesmo sector de actividade.

As condicións fiscais das que se benefician son:

- Imposto de Transmisións Patrimoniais: exención respecto á constitución, ampliación de capital, fusión, escisión e na adquisición de bens e dereitos para o cumprimento dos fins sociais e estatutarios.
- Imposto de Sociedades:
  * gravamen do 20% ós resultados cooperativos e ó tipo xeral os resultados extracooperativos,
  * liberdade de amortización dos elementos de activo fixo novo amortizable adquiridos nos tres anos seguintes a súa incripción no Rexistro de Cooperativas,
  * bonificación do 50% da cota íntegra,
  * deducción na base impoñible, do 50% dos resultados que se destine ó Fondo de Reserva     Obrigatorio e do 100% do destinado o Fondo de Formación e Promoción, na cuantía mínima legalmente establecida.
  * bonificación do 90% da cota íntegra durante os primeiros cinco anos de actividade, para as cooperativas formadas nun 50% por desempregados minusválidos.
  * Imposto de Actividades Económicas: bonificación do 95%.
  * Beneficios fiscais en operacións de fusión e escisión.

PROCESO DE CONSTITUCIÓN

A cooperativa adquire personalidade xurídica cando se inscribe no Rexistro de Cooperativas. O proceso a seguir ata chegar á inscrición é o seguinte:

- Solicitude de Certificación negativa de denominación ante a Sección Central do Rexistro de Cooperativas da Administración Xeral do Estado. A denominación resérvase durante catro meses a favor da cooperativa solicitante.

- Celebración da Asemblea Constituínte, agás que tódolos promotores outorguen a escritura pública de constitución e non se faga uso da cualificación previa dos Estatutos. A Asemblea Constituínte esta formada polos promotores que deliberan e deciden sobre tódolos asuntos necesarios para o outorgamento da escritura de constitución:
  * elixir o presidente e secretario da Asemblea constituínte,
  * identifica-los promotores que van constitui-la cooperativa,
  * elixir a persoa ou persoas encargadas de realiza-los trámites para a inscrición da cooperativa,
  * aproba-los Estatutos sociais,
  * elixi-las persoas que van outorga-la escritura pública, 
  * aproba-la valoración das achegas non dinerarias,
  * defini-lo tipo de cooperativa que se quere crear,
  * elixi-las persoas que van forma-los órganos sociais, recollendo a súa aceptación e declaración de non estar incursas en causa de incapacidade ou incompatibilidade,
  * aproba-la forma e prazos para o desembolso do capital social, agás se realice a achega íntegra.

- Cualificación previa dos Estatutos, ante o Rexistro de Cooperativas correspondente á provincia onde se atope a cooperativa ou na sección central se o seu ámbito de actuación é superior . Para obte-la cualificación é necesario aportar:
  * Solicitude de cualificación previa, 
  * a Certificación negativa de denominación,
  * unha copia numerada dos Estatutos,
  * unha copia da acta da Asemblea Constituínte, debidamente certificada.

- Escritura pública de constitución da cooperativa que recolle:
  * Acta da Asemblea de constitución,
  * Certificación negativa de denominación.
  * Estatutos da sociedade.
  * Relación de socios promotores.
  * Acreditación do desembolso total do capital social mínimo fixado estatutariamente.
  * Declaración da data na que a cooperativa ten previsto inicia-la súa actividade.

- Inscrición da sociedade no Rexistro de Cooperativas, nos dous meses seguintes á realización da escritura. É necesario presentar:
  * Solicitude de inscrición.. 
  * Liquidación do Imposto de Transmisión Patrimoniais.
  * Unha copia autorizada e unha copia simple da Escritura pública de constitución.
  * Comunicación do número de identificación fiscal.
  * Xustificante do pagamento da taxa de inscrición.

ESTATUTOS SOCIAIS

Os estatutos regulan a estructura e funcionamento interno da cooperativa. Apróbanse na Asemblea Constutuinte e poden ser modificados, o longo do tempo, con autorización de dous tercios da Asemblea Xeral e a súa posterior inscrición no Rexistro de Cooperativas.

Teñen a consideración de primeira fonte de dereito para a cooperativa e deben recoller, como mínimo, as seguintes cuestións:
- denominación, domicilio e obxecto social,
- capital social mínimo,
- ámbito territorial de actuación e duración da sociedade,
- condicións e requisitos para ser socio e réxime de baixa,
- obrigas e dereitos dos socios,
- réxime de participación mínima, do socio, na actividade,
- normas de disciplina social,
- convocatoria de asembleas: prazo e forma de publicidade,
- achega obrigatoria mínima para ser socio, condicións de transmisión e reembolsa,
- réxime da Seguridade Social ó que van pertencer os socios traballadores,
- composición dos órganos sociais e duración do mandato dos seus membros,
- réxime das seccións que se creen, se é o caso,
- causas da disolución da cooperativa.

DEMAIS TRÁMITES DE CONSTITUCIÓN

Unha vez inscrita a sociedade no Rexistro de Cooperativas, debe realiza-los trámites propios de calquera empresa para o inicio da súa actividade:

- Delegación do Ministerio de Economía y Hacienda:
  * solicitude do Código de Identificación Fiscal,
  * alta no Censo de actividades,
  * alto no Imposto de Actividades Económicas.

- Tesorería General da Seguridad Social:
  * inscrición da empresa e afiliación dos socios traballadores no Réxime Xeral, como asimilados a traballadores por conta allea, ou afiliación dos socios traballadores no Réxime Especial de Autónomos,
  * Inscrición da empresa  e alta dos traballadores contratados, se é o caso.

- Delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais:
  * comunicación de apertura do centro de traballo.

- Concello:
  * licencia de apertura, de obra, etc.

- Rexistro da propiedade inmobiliaria:
  * inscrición de bens inmobles, sé é o caso.

- Rexistro da propiedade industrial:
  * inscrición de nomes comerciais, patentes, marcas, deseños industriais e rótulos.

NORMATIVA APLICABLE

Lei 5/1998, de Cooperativas de Galicia.
Lei 20/1990, sobre Régimen fiscal de las cooperativa.

ENDEREZOS ÚTILES

Administración Pública:

Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Dirección Xeral de Relacións Laborais.
Rexistro de Cooperativas.
Edif. Administrativo de San Caetano. 15771 Santiago de Compostela.
Tfno. 981 544 666 e 981 545 540.

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
Subdirección Xeral de Promoción da Economía Social e da contratación.
Edif. Administrativo de San Caetano. 15771 Santiago de compostela.
Tfno. 981 544 612 e 981 544 691.

Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales.
Dirección General de Fomento de la Economía Social y del Fondo Social Europeo.
Registro de Cooperativas.
Rúa Pío Baroja, 6. 28071 Madrid.
Tfno. 914 090 941.

Outras entidades:

Unión de Cooperativas de Traballo Asociado. UGACOTA.
Rúa Alfredo Brañas, 25-1ºD 15701 Santiago de Compostela.
Tfno. 981 591 617.

Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia. UCETAG.
Rúa Fernández Villaverde, 4-1ºA of.3 36002 Pontevedra.
Tfno. 986 896 526.

Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. AGACA.
Rúa Tomiño, 22 entrechán 15703 Santiago de Compostela.
Tfno. 981 584 911 e 981 584 783.

Unión de Cooperativas Agrarias de Ferrol. UCAFE.
Rúa Soto 9 - 11 bajo. 15403 Ferrol.
Tfno. 981 317 215.

Federación de Cooperativas SINERXIA.
Rúa Fernández Villaverde, 4-1ºA of.3 36002 Pontevedra.
Tfno. 986 896 526.

Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado. COCETA.
Rúa Vallehermoso, 15-1º 28015 Madrid.
Tfno. 915 930 397.

Confederación Empresarial Española de la Economía Social. CEPES.
Rúa Vallehermoso, 15-1º 28015 Madrid.
Tfno. 915 930 412.